O alumnado de 1º da ESO do Colexio Santo Ángel participou no proxecto educativo
EnRedes 2025, unha iniciativa promovida en colaboración coa nosa ANPA Santo Ángel e
a Federación de ANPAS de Centros Concertados de Ourense, que ten como obxectivo
fomentar a igualdade, a convivencia positiva e o uso responsable das novas
tecnoloxías.
A primeira sesión celebrouse no centro, da man dos psicólogos Alejandra e Ángel, do
equipo Sinapsis. A través de dinámicas participativas, o alumnado reflexionou sobre a
importancia de manter relacións positivas e respectuosas, identificando as condutas que
favorecen o benestar persoal e social.
Traballouse tamén sobre a prevención da violencia de xénero, poñendo o foco na
educación emocional, a empatía e o respecto mutuo como base dunha convivencia
igualitaria.
Na segunda sesión, o alumnado contou coa colaboración de Santi, experto en
ciberseguridade, quen lles explicou os riscos asociados ao uso das redes sociais, o
valor de actuar como testemuñas dixitais responsables e os canles de denuncia
seguros e confidenciais ante situacións de acoso ou difusión de contido inapropiado.
A sesión combinou exemplos prácticos e reflexións sobre como construír un espazo dixital
máis seguro, solidario e respectuoso.
A última parte do proxecto levouse a cabo nos estudos de radio COPE, onde o alumnado se
converteu en protagonista e voz activa do programa EnRedes 2025.
En directo, compartiron as súas aprendizaxes e reflexións sobre o tema deste ano —O
testigo dixital e o apoio: o valor de non deixar só ao amigo— e tiveron a oportunidade de
conversar co Delegado da Xunta de Galicia Manuel Pardo, abordando temas como a
igualdade, a convivencia e o uso ético das tecnoloxías.
Agradecemos a colaboración de todas as persoas e entidades implicadas neste proxecto,
especialmente á Federación de ANPAS, a Susana e Eva pola súa coordinación, e a Juan
Maceiras por facer posible a experiencia radiofónica.
Adxuntamos o programa de radio para que poidades disfrutar desta experiencia
educativa.