Innovación educativa e coeducación: o Colexio Santo Ángel e a ANPA impulsan o «Desafío Laranxa»

A través dunha metodoloxía baseada no deseño de retos e na transferencia activa de coñecemento, o alumnado de 6º de Primaria liderou unha actividade de sensibilización en igualdade dirixida ás familias.   O pasado venres 13 de novembro, o alumnado de 6º de EP a través dun proxecto da ANPA desenvolveu o Desafío Laranxa, unha experiencia de innovación pedagóxica deseñada para situar ao alumnado no centro do proceso formativo. Cunha estrutura apoiada na Aprendizaxe Baseada en Retos (ABR) e na coeducación, o alumnado investigou, conceptualizou e deseñou unha dinámica de sensibilización arredor da igualdade e a prevención da violencia de xénero para implicar activamente ás súas familias.

O proxecto articulouse en dúas fases complementarias. Durante a sesión matinal na Bibliolab, os grupos de 6ºA e 6ºB participaron nun obradoiro de conceptualización guiado por Susana Pérez Crespo e Eva D. Castro Outeiriño, especialistas en innovación educativa e proxectos de impacto social. Partindo da análise das súas propias ideas o alumnado construíu un Diccionario propio para definir con rigor conceptos estruturais arredor da igualdade. A partir dese marco teórico, cada equipo asumiu o deseño dunha situación de aprendizaxe estruturada en dous eixos: «Como o imos contar», centrado na síntese e comunicación rigorosa dos contidos, e «Inventamos o reto», orientado a crear unha proba participativa capaz de xerar debate e reflexión crítica nas persoas adultas.

Na sesión da tarde, o centro transformouse nun espazo de aprendizaxe organizado en estacións temáticas. Nais, pais, avoas e avós percorreron os distintos grupos, onde os equipos de alumnado presentaron os resultados da súa investigación e guiaron as familias na resolución dos retos deseñados pola mañá, favorecendo unha transferencia real de coñecemento entre a escola e o ámbito doméstico. A xornada culminou coa lectura dun manifesto elaborado no marco da actividade, no que o alumnado reivindicou a alianza imprescindible entre ambos espazos educativos: «Sabemos que o cambio comeza tanto na aula como na familia. Por iso pedímosvos que camiñedes connosco, porque educar no respecto hoxe é a única maneira de vivir sen medo mañá».

Como peche metodolóxico, a reflexión trasladouse ao plano do compromiso cívico e da memoria colectiva a través de dous iniciativas. Por unha banda,  cada familia seleccionou o nome dunha vítima para xerar un mural físico onde tomar conciencia da realidade na que vivimos. Por outra banda,  a través dunha ferramenta dixital, as familias puideron conectar directamente as súas aprendizaxes co espazo participativo da campaña Movimiento Naranja de ONU Mujeres España (unwomen.es/movimiento-naranja), rexistrando en tempo real as súas mensaxes de apoio ás vítimas. O mural físico permanece instalado no vestíbulo do colexio como recurso permanente de sensibilización para toda a comunidade educativa.

O Desafío Laranxa enmárcase na campaña de ONU Mujeres España, que entre o 25 de novembro e o 10 de decembro promove a implicación activa da sociedade baixo o lema «O laranxa non é unha cor. É unha decisión.» A comunidade educativa convida a cidadanía a sumarse a esta iniciativa deixando a súa achega no muro dixital da campaña. Desde a organización agradécese a implicación do alumnado de 6º, do equipo docente e das familias participantes neste proxecto de transformación educativa e social. Actividade organizada pola ANPA do Colexio Santo Ángel dentro do proxecto «Raíces centenarias de igualdade 2026», financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia e o Ministerio de Igualdade con fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero (SI449B).

Buscador

Buscar

Buscador

Buscar