QUITINA: Do corazón de Galicia á sede da ONU

As alumnas do noso colexio gañan o Campus EduCaixa 2025 e viaxarán a
Boston e Nova York para presentar o seu proxecto na ONU
A educación é capaz de abrir portas que levan máis alá do que nunca imaxinamos. E
diso poden dar boa conta catro alumnas de 4º da ESO do noso colexio, que acaban de ser proclamadas gañadoras do Campus EduCaixa 2025, co seu
proxecto QUITINA, unha proposta de innovación social e medioambiental con raíces
galegas e impacto global.
Durante o mes de maio, foron seleccionadas para participar no prestixioso Campus
EduCaixa en Barcelona, compartindo espazo con máis de 100 equipos de toda España e
Portugal. Foron catro días intensos cheos de aprendizaxe, emocións e oportunidades.
Participaron en dinámicas inspiracionais sobre creatividade, comunicación,
colaboración e emprendemento social, guiadas por expertos de primeiro nivel como
Mónica Kurtis, Eli Vivas, Cristina Gutiérrez ou Víctor Padilla-Taylor. Tamén tiveron
encontros con referentes do mundo da innovación social como Adrián Martín, e
visitaron espazos de ciencia e sustentabilidade como o Instituto de Ciencias do Mar –
CSIC.
O seu proxecto, QUITINA, propón unha solución real a un problema medioambiental
que afecta ás rías galegas: os residuos xerados polos palillos das bateas. A través da
utilización de polímeros biodegradables a base de quitina (procedente de crustáceos e
outros residuos mariños) e un sistema de fixación alternativo e sostible, o equipo busca
reducir o impacto ambiental na acuicultura e mellorar a saúde dos ecosistemas mariños.
A súa proposta destaca pola súa viabilidade, sensibilidade social, conexión co territorio
e compromiso co desenvolvemento sostible.
No último día do Campus, chegou o momento máis esperado: a presentación do
proxecto ante un xurado profesional. A pesar dos nervios e da intensidade do proceso,
as nosas alumnas mostraron unha capacidade de comunicación excepcional, rigor
técnico, seguridade persoal e unha paixón que emocionou ao público e ao xurado. Foron
capaces de transmitir non só unha idea, senón unha causa.
O veredicto non se fixo agardar: foron proclamadas gañadoras do Campus
EduCaixa 2025. Como premio, participarán nunha viaxe formativa aos Estados Unidos,
onde visitarán centros de referencia en innovación educativa e social, e terán o
privilexio de presentar o seu proxecto na sede das Nacións Unidas, en Nova York.
Este logro é un orgullo para toda a comunidade educativa. Porque QUITINA non é só
un proxecto, é unha mostra do que se pode conseguir cando o talento, o esforzo, a
ilusión e a conciencia se unen. Porque estas catro alumnas foron quen de conquistar
Barcelona con ideas nacidas do mar… e agora levaranas ata a ONU.
Desde o colexio queremos felicitalas de corazón e reafirmar o noso compromiso con
unha educación que non se conforma con transmitir coñecementos, senón que forma
persoas capaces de transformar o mundo coas súas mans, a súa voz e o seu corazón.

Buscador

Buscar

Buscador

Buscar