A Federación de ANPAS de Colexios privados e concertados da provincia de Ourense, en colaboración coa ANPA do centro, están a desenvolver, por terceiro ano consecutivo, o proxecto EnRedes.
EnRedes, ten como finalidade a prevención da violencia de xénero entre familias e alumnado de colexios privados e concertados da cidade de Ourense
Para o desenvolvemento deste proxecto, durante os meses de outubro e novembro deste ano 2024, contamos co apoio da Consellería de Politica Social e Igualdade da Xunta de Galicia.
As actividades alinéanse cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), en concreto co ODS4 e o ODS5, e diríxense a alumnado de 1º ou 2º da ESO, a pais, nais, familias e equipos docentes para facilitar a sensibilización, información, coñecemento e reflexión sobre igualdade, a violencia de xénero e sobre o uso adecuado da internet e as novas tecnoloxías; empregando unha perspectiva de xénero e a metodoloxía de aprendizaxe-servizo (ApS) para que o alumnado poda poñer os coñecementos adquiridos ao servizo da comunidade.
Actividades co alumnado:
O pasado luns 14 de outubro, realizamos o primeiro Obradoiro de actividades co alumnado de 1º da ESO coa colaboración da experta en xénero Eva López Barrio, para sensibilizar e reflexionar sobre a igualdade, a violencia de xénero e o uso adecuado da internet e as novas tecnoloxías.
A seguinte sesión será o mércores 30 de outubro ás 10:00h, a cargo de Santiago Rey, experto en redes, onde un grupo de alumnos e alumnas terán a oportunidade de ampliar a súa formación, xunto a outro alumnado de centros de Ourense, co fin de organizar a participación no programa radiofónico/podcast.
O proxecto co alumnado finalizará coa participación nun espazo radiofónico nas emisoras de Ourense, no que compartirán e debatirán xunto a unha persoa referente da Administración Pública local, provincial ou Autonómica.
Actividades coas familias:
Todas as familias recibirán o enlace ao programa de radio e/ou podcast para que poidan escoitar a participación do alumnado á vez que informarse sobre a igualdade, a violencia de xénero e o emprego adecuado da internet e das novas tecnoloxías.